III CONVENIO COLECTIVO DAS UNIVERSIDADES
PÚBLICAS DE GALICIA

(D.O.G. DO 18 DE OUTUBRO DE 1996)

 

I.- ÁMBITO, VIXENCIA E NORMAS XERAIS DE APLICACIÓN

Artigo 1

Concertan este Convenio as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, universidades públicas de Galicia, e o persoal das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, representados polos respectivos comités de empresa, integrados polas organizacións sindicais CIG, CCOO e UXT

Artigo 2

Ámbito funcional e territorial. Este convenio é de aplicación ás universidades públicas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus centros de traballo existentes actualmente e aqueloutros que durante a vixencia do convenio se poidan crear ou integrar nelas.

Artigo 3

Ámbito persoal. As normas do presente convenio aplicaránselle a todo o persoal que, integrado no ámbito funcional do artigo anterior, estea vinculado ás universidades en virtude de relación xurídico-laboral, formalizada polo Rector ou órgano en que delegue, estea suxeito ó poder de dirección delas e perciba as súas retribucións con cargo ás correspondentes consignacións orzamentarias de persoal laboral de administracións e servicios.

Artigo 4

Período de vixencia. O presente convenio entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no DOG e terá vixencia ata o 31 de decembro de 1998. Os seus efectos económicos aplicaranse dende o 1 de xaneiro de 1995 e, ó seu termo, quedará automaticamente prorrogado por períodos anuais, salvo denuncia expresa dalgunha das partes.

Artigo 5

Durante o período de vixencia deste convenio, as condicións retributivas fixadas nel serán revisadas anualmente con efectividade desde o primeiro de xaneiro, en virtude do incremento porcentual que determinen as respectivas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma Galega, para o persoal sometido ó réxime estatutario da función pública. Igualmente, se nas referidas leis de orzamentos se estableceran condicións máis beneficiosas para o citado persoal, estas faranse extensivas ós grupos correspondentes do persoal laboral suxeito ó presente convenio. Así mesmo, cando se produza unha desviación entre o incremento do IPC na Comunidade Autónoma de Galicia e a revisión establecida na lei de orzamentos, negociaráse a revisión das condicions retributivas procurando compensa-la perda de poder adquisitivo, no marco en que as disponibilidades orzamentarias o permitan.

Artigo 6

Compensación e absorción. As condicións económicas establecidas no presente convenio compensarán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa orixe e natureza.

Artigo 7

Respectaranse, manténdose estrictamente "ad personam", as condicións particulares que, con carácter global, en cómputo anual, excedan das melloras do presente convenio e veñan derivadas da norma preexistente estatal ou da Comunidade Autónoma de Galicia.